martes, 18 de abril de 2017

Das cloacas ao éter

*Conferencias de Carlos Bernárdez sobre Maruja Mallo
 no Ciclo Nexos da Cidade da Cultura (1-4-2017) e no Ateneo de Santiago (3-4-2017)

   Carlos Bernárdez reivindica a obra pictórica de Maruja Mallo.Pinta saíndose do convencional. Se se aproxima a algún movemento será sempre dun xeito particular e orixinal. A muller no seu tempo estaba cosificada. Eran só modelos.  Pero Maruja pon o feminino en activo.

   Naceu en Viveiro pero case non viviu alí. Tiña unha familia numerosa. O pai, madrileño, era funcionario do estado.  En Corcubión pasa parte importante da súa infancia. Vive cos tíos ata os once ou doce anos. Os proxenitores se instalan en Madrid para facilitar os estudos dos fillos. Maruja fórmase na Academia de Belas Artes de San Fernando. Ela rematou pero o seu compañeiro Salvador Dalí foi expulsado. A obra Sueños noctámbulos do autor de Figueras reflexa aquelas saídas nocturnas. Unha daquelas curuxas era o pintor uruguaio Rafael Barradas.
   Nos anos vinte en Madrid respirábase a resaca da I Guerra e do cubismo. O maior coñecemento das vangardas viña a través de revistas como a italiana Valori Plastici.  Dase unha figuración renovada de entreguerras que recibe o nome de Nueva Objetividad en Alemaña; La Vuelta al Orden en Francia e en Italia Mario Sironi é o máximo expoñente do Novecento.  Son tempos postcubistas.   A Revista Occidente traduce o libro Realismo Mágico do crítico Franz Roh. Influe en moitos artistas, incluso nos galegos Colmeiro ou Maside.

   Maruja racha con todo. Debuxa mulleres que usan roupa cómoda, fan deporte…  Ciclista é un cadro desaparecido que representa a súa amiga Concha Méndez.  
   La mujer de la cabra pintouno no ano 27 en Canarias. Decidida monumentalidade na figura e influenzas étnicas. Por alá se movía o crítico Eduardo Westerdahl.
   A primeira exposición importante foi na Revista Occidente. O mundo das verbenas e a captación do popular está moi de moda no contexto europeo. Tamén está nas súas inquedanzas. O cadro Carrusel dun artista alemán,que tamén aparecía no catálogo de Roh,  é un bo exemplo. Amosa dinamismo, planos fragmentados…  Estes temas están moi presentes en Arturo Souto. Ou Amando Suárez Couto que é o autor de Tiro al blanco; lamentablemente destruiu os seus cadros pois os seus contemporáneos non entendían a súa arte.

   Fixo Guía postal de Lugo para unha publicidade da Diputación. Hai fragmentarismo e plasma elementos populares: louza de Sargadelos, a muralla ou o Colexio do Cardeal. Lembra á Aero-pintura Italiana, un futurismo serodio, polos bólidos e contrapicados. Os edificios recordan ós de Giorgio de Chirico. E un certo atrevemento coa muller que camiña soa en bañador.
   Cando chega a República o Goberno leva unha exposición por Europa e non se olvidan da obra de Maruja. Xa era unha artista referencial.  

   Elementos para el deporte é unha natureza morta da modernidade. De novo insiste cos avións. Fala dunha muller libre que é destruida polo franquismo.
   Estampa é un maniquí nun escaparate. Ten un estilo a algunhas escenas de Metrópolis de Fritz Lang ou as representacións artísticas da Alemaña na República de Weimar.
   O escultor Alberto, Benjamín Palencia, ela e outros trasládanse á Vallecas. Nesta segunda etapa pictórica xa non son cadros de esperanza. Senón máis afíns ó surrealismo de Buñuel, na liña de El perro andaluz. Míranse as tensións da España máis negra e escura. Realidades case telúricas. É o tempo da serie Cloacas e Campanarios e de Basura.    A poesía de Rafael Alberti, o seu mozo neste intre, verase moi influida por ela.
   No 32 vai estudiar escenografía a París cunha bolsa. A súa estadía chega ós once meses. Logra expor na Galería de Pierre Loeb, que “era de primeira división”.Alí era donde se daban a coñecer os surrealistas. Bretón cómpralle unha obra e a mantivo ata a súa norte.  O poeta Paul Éluard tamén tiña interese pero non cartos.   Coñece o uruguaio Joaquín Torres García, que a duplicaba en idade.Estaba interesado na didáctica de autores novos. Era un teórico da arte do grupo Círculo y Cuadrado que se opuña ó surrealismo pragmáticamente.  Expuso despois de Maruja en Pierre e veu canda ela a Madrid.

   Ó regreso tiña boa recepción nos medios de comunicación aínda que provocaba algúns roxelos. Dase outro chimpo radical no seu estilo.Está influida pola concepción xeometrista de Torres García.Non está moi distante do Picasso dos anos trinta. Nun tempo ameazador, de ascenso dos fascismos, manifesta unha idiosincrasia social. Sorpresa del Trigo chegou tralo derradeiro primeiro de maio antes do Levantamento. 
Xa fixera un cadro semellante, Canto de las Espigas, cunha vontade case muralista próxima a Fernard Léger. Aínda que o único mural propiamente dito faríao vinte anos despois en Buenos Aires. 
   No intre da sublevación do 36 estaba en Beluso.Por alí andaban Alberto Fernández“Mezquita” do POUM ou Xoan Carballeira, alcalde de Bueu que exercía tamén de poeta e xornalista. No “Cuaderno de Bueu” pinta mariñeiros, dornas, aparellos do mar, peixes, risóns…Recurrirá a estes temas,que eran os mesmos cos da Nova Obxectividade do seu amigo o fotógrafo José Suárez, logo no exilio.

   Pasa por Lavadores, en Vigo,onde estaban os seus tíos e en xaneiro marcha legalmente. Tiña un convite na Arxentina. Alí a republicana rexeneracionista afoutouse a escribir sobre a represión e de sucesos coma o asasinato de Alexandre Bóveda.    A primeira obra no exilio é Arquitectura humana.
A muller, casi sacerdotisa, parece unha Dama de Elche. As mans aparecen hipercaracterizadas.  En América non queda deslocalizada como lle aconteceu a outros como o pintor alemán George Grosz. Adáptase ó contexto americanista e busca novos estímulos. Crea unha iconografía singular cunha enorme potencia visual. As súas figuras semellan máscaras ou arquetipos. Oro é unha persoa de cabelo loiro e faciana escura. Supera así o racismo e outros apriorismos étnicos moi de moda na II Guerra.  Cando descubre o Pacífico adícase á pintura de cunchas.
   Maruja cría que o franquismo toleraba o informalismo de pintores como Manolo Millares ou Antonio Saura.   A finais dos cincuenta acaba a súa obra máis potente. Logo xa non ten a mesma entidade. Cando retorna a España no 62 a lousa do franquismo era moi pesada. E  a memoria dos exilios borrada.  Pintores como Francisco Miguel ou Camilo Díaz foran asasinados na Guerra.


   “O mal chamado Reina Sofía debería facer unha exposición sobre ela para calibrar a magnitude da súa obra”.   Para Bernárdez a obra da pintora galega está moi por riba da de Tamara de Lempicka e Frida Kahlo.A postcubista polaca discípula de André Lhote “foi interesante apenas dez anos”.  A mexicana “destacaba en capacidade de comunicación pero é torpe. É infinitamente peor que Maruja e non ten a súa potencia formal”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario