miércoles, 27 de octubre de 2021

Discreta Xohana

A Cidade da Cultura celebra o Días das Escritoras 

Montse Pena e Dolores Vilavedra falan da traxectoria de Xohana Torres
A escritora máis importante despois de Rosalía. A discípula de Carvalho Calero gustou dos mitos. Casou cun mariño e tivo intensa relación co mar como Manuel Antonio. Viviu en cidades portuarias como Vigo ou Ferrol. Non quixo ser unha figura pública. Exerce un férreo control sobre a súa imaxe.

   Consérvanse moi poucas fotos dela.Non quería ser musa. Franco Grande comentou que Torres" exercía unha sorte de fascinación". Foi moi rápido canonizada nun tempo onde non había redes sociais. O seu obxectivo literario foi o de ser poeta. Cúmprense 50 anos da publicación de Adios María. Quixo agardar un tempo para a tradución para que circulase en galego. Quizais agora precisaría dunha edición anotada con acotacións sobre as cancións, o linguaxe da igrexa... Co seu debut como novelista gañou o Premio Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires. O fallo do xurado foi polémico. Presentouse nesa edición tamén Xente ao lonxe e Blanco Amor puxo o grito no ceo. Cría que non gañara pola súa sexualidade. As dúas novelas eran potentes, non se lle pode negar a complexidade e caracter imnovador na de Xohana. 

   Transcorre nun Vigo semirrural que aínda existe. Podería ser Beade ou Matamá. Unha cidade, proletaria e emigrante, que non tivera a sorte de ser retratada ata entón. Cando a familia se muda á zona de Balaídos non atura nun piso. Prefiren voltar xunto ás galiñas e o limoneiro. 

   Maxa é a dona da palabra. A nai marcha e a avoa, que da prioridade á xerarquía dos homes, a ignora e minusvalora. O final é bastante aberto e máis ben pesimista.
  Fálase de que tiña escrito dúas novelas máis que non chegou a publicar, Os funcionarios e Antón dos leis, apenas uns quince folios. Estes textos inconclusos están custodiados na Fundación Penzol. 

   Para Manuel María Do Sulco é algo pouco habitual na poesía de muller. Fala de traballar a terra, de arar as palabras. Xoga sempre co espazo, coa ambientación. Do ano 57 ao 80, unha longa travesía, non publicou apenas nada en poesía agás pequenas pezas en revistas como Aturuxo ou Vida Gallega. Tiña pudor de mandar calquera cousa ó prelo. Dicía Casares que no é o mesmo ser médico que vestir bata branca. Houbo outros grandes como S. G. Bodaño, Franco Grande ou Ferrín que tamén foron guadinescos e pouco produtivos. O último poemario, Elexías a Lola, é un diálogo da poeta que é coa poeta que foi.

   Tamén experimentou como autora teatral. Relacionouse co grupo Teatro Estudio de Ferrol. Fixo un ensaio sobre Stanislasvki,algo rompedor naquel intre. Por Un hotel de primeira sobre o río consegue o Premio Castelao no 66. Foi a terceira e derradeira ocasión deste certame que, a pesar do nome, era bastante local e a recadación dependía da campaña do peso pois eran cinco pesetas as que se pedía á cidadanía. Nos Premios Facho da Coruña non podía gañar pois era parte do xurado. O seu teatro lembra ao máis abstracto de Marinhas del Valle ou Carvalho Calero ou o primeiro Eloxio Ruibal. Os temas predilectos son a angustia e falta de liberdade. A outra banda do Iberr é máis simbólica e ideolóxica. Tamén probou como actriz. 

   Neira Vilas quería introducir en Galicia o xénero infantil e xuvenil . Nos anos 60 Galaxia comeza a colaborar con La Galera, unha editorial catalana. Encárganlle a autora galega facer as traducións. Ó principio a operación foi un fracaso porque non había un sistema educativo que o consumise. Iníciase tamén no xénero co texto didáctico Polo mar van as sardiñas. Haberá que esperar ao 84 para unha nova aventura infantil, Pericles e a balea. O churreiro da vila quería estar con Tálata pero o cetáceo prefire marchar a navegar.
Eu tamén navegar eclipsou toda a obra de Xohana como pasou con Longa Noite de Pedra e Memorias dun neno labrego para Celso Emilio e Neira Vilas respectivamente.

   Ingresa na Real Academia no 2001."Que sería do sentido da vida se nos detivésemos.Os símbolos só son válidos se evolucionan"é unha das perlas do discurso. Logo comezaría a ter problemas de saúde. Deixou ben resolto o seu legado. Ana Romaní e Elena González son algunhas das persoas que souberon poñer a obra de Xohana en circulación. Ese exercicio de boa planificación tamén o fixo Manuel María.

miércoles, 6 de octubre de 2021

Gabanzas ó mindoniense

Armando Requeixo e Santiago Lopo falan de Álvaro Cunqueiro no Ciclo 10 años, 10 autores, 10 libros da Cidade da Cultura (1-X-21)
O pai foi boticario. Un gran amigo de Leiras Pulpeiro. É posible que, pouco antes de morrer, participase no parto de Álvaro. O médico dedicoulle un poema á Mariña e Cunqueiro ducias de artigos.
Adicáronlle o día das Letras Galegas o primeiro ano que se podía, en 1991. Juan Puchades encargouse de facerlle una escultura de bronce en Mondoñedo. Pepe Cunqueiro díxolle ao artista que el sería o modelo. “Juan pasounas canutas porque o irmao ía mirando os avances”.
En Cunqueiro é fundamental o camiño, a viaxe da vida. Moitas veces no mar. Ás veces son soñadas ou estáticas. Unha búsqueda do retorno ao paraíso. Santiago Lopo lembra que o embaixador de Miranda facía sempre un índice onomástico nos seus libros onde aclaraba algunhas cousas. Cunqueiro amaba a Bretaña. En Crónicas do sochantre cruzan eses territorios en carruaxe. A primeira vez que escribe sobre esa rexión francesa non a pisara nunca. Contan que había un tipo en Ribadeo que lle contaba historias de alá. Tamén lía as Guías Michelín. Despois de coñecer aquelas terras preguntáronlle como eran e respondeu “tiveron o gusto de creala como a imaxinara”. O mindoniense é patrimonio galego pero tamén bretón; alí o estudian como propio. Chegou a con-seguir que un gaiteiro bretón viñese a tocar a Vigo. Tempo despois autores como Claudio Rodríguez Fer ou Olga Novo impartiron clases en Bretaña. Comenta Requeixo “sentímolos como irmáns por historia, costumes ou paisaxes. É como ir a Fisterra. Sentes máis nostalxia cando cruzas a Meseta”.
Definía a súa cidade natal como “cidade de Galicia sonada polos bispos e polo cabalar das San Lucas, rica en pan, auga e latín”. Expliquemos punto por punto. Aínda que por tamaño hoxe sería una vila é cidade desde que lle deu ese título o monarca Alfonso VII na metade do XII. O autor de Merlín e Familia confesou que noutra vida non lle importaría ser bispo neste pobo levítico. Hai moito equino e esa festa, que tan ben debuxou Xosé Vizoso, ten moita tradición. O pan é de calidade, con sona como o de Cea, Carral ou Carballo. Un cuarto de século máis xoven que Cunqueiro é Carlos Folgueira, O Rei das Tartas, que acabaría triunfando coa fariña. A boa auga, nese verdoso e ventoso val, tamén explica a calidade do pan. E rica en latín pola longa vida do Seminario de Santa Catarina que nace pouco despois do Concilio de Trento. Os alumnos procedían dun amplo territorio que abrangue desde Terra Chá ao Occidente de Asturias e Ortegal. Polas súas aulas pasaron personalida-des como Nicomedes Pastor Díaz, Noriega Varela, X. M.Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Villares. Cunqueiro de neno escoitaba as clases do Seminario cando tiñan as ventás abertas. Coñeceu así a Virxilio e Horacio e sen ser moi bo nesta lingua amábaa con paixón.
En Compostela matriculouse en Filosofía e Letras. Non ía moito as aulas, prefería os faladoiros de El Español e o Derby. Alí comezou a camaradería con Torrente, co que tamén coincidiría en Madrid. Un dos seus mestres foi Moralejo, o avó, co que “suspendo coa regularidade dun reloxo suízo”.
Aínda que é pangalaico Cunqueiro tamén é un persoeiro de Vigo. Se Ourense foi a Atenas de Galicia no primeiro tercio do XX a cidade olívica seríao na segunda metade. Galaxia, Xerais, Fundación Penzol e figuras como Xosé María Castroviejo. Con Paco del Riego pasaba algunhas tardes estivais na Praia de Panxón.
Outro bo amigo era Ánxel Fole. “Estudaran xuntos e ambos sentían debilidade polos tolos”.