miércoles, 24 de marzo de 2021

Mapas, fotos e versos

 *10º aniversario da Biblioteca de Galicia

* Alba Cid fala de poesía con Miguel Cajigal, El Barroquista (21-III-2021)


  
Un nome suxestivo, Atlas. O principio só o chamaban así a súa xente de confianza. Pero consolidouse porque era unha compilación onde había movemento e frechas guindadas a distintas partes do mundo.  Hai un único poema sen título, o que fala da montaña chinesa. O mesmo ocorre con moitas obras de arte, que en orixe non teñén nome, caso do Guernica.

   Fuxe do pintoresco, do exótico e do anecdótico. Fala dos lugares con naturalidade como se vivise alí.  Non é a ollada dun turista.  Alba xoga moito coa idea do apócrifo. Non coñecemos o nome de moitos cartógrafos. Insiste moito na palabra guía.

   A poesía ten que ter baleiros. “Acabo manchándome cos elementos que me atraen”. Xurde por fascinación. Ou por casualidade.“Confiar na intuición é o contrario do medo. Vas decantando, limpando. Non acostumo rescribir pois dedico moito tempo antes á exploración. Ás veces perdo a pista do que pensaba que ía facer, é un momento que me encanta!”

   El Barroquista considera que os versos de Alba Cid son narrativos. O libro dá a enganosa sensación de estar feito sen esforzo, como fan os grandes intérpretes musicais. “Son de escrita lenta, teño inicios de poemas que levan pechados moitísimo tempo”. Algúns puideron ser algún día unha entrada de Instagram. “Ás veces fago arqueoloxía de min mesma”.

   Os primeiros poemas deste libro rachan coa verdade. Xogan co humor, entre realidade e ficción. Por exemplo a historia dos tulipáns, bulbo orixinario de Anatolia. Como para non mostrar unha voz autoritaria. Soan orais e despoxados.  E o ensaio final bebe moito de Roni Horn, que mostrou fascinación pola auga do Támesis.

   “Son da xeración das cámaras dixitais”. Tivo unha tempada na que fitaba as prantas, como fixera Georgia O ´Keeffe.“Gústame observar fotos máis que deglutilas como facemos habitualmente”. Francesca Woodman buscaba o sinxelo, retratar o que tiña máis á man.

   Entre os referentes están Anne Carson, canadense que pretende que as palabras funcionen como brochadas de significado, de maneira orgánica.  Atráelle Paul Klee co seu gusto polo pequeno, polo detalle e “cunha parte infantil que me reconforta”.  Non hai mes que non retorne á lírica de John Ashbery. Parécelle inspirador Edward Ruscha, vencellado ao pop art e famoso polas súas gasolineiras, polo seu traballo con caligrafías e publicidade.

   Non quedei farto.  Gustaríame que o acto tivera un coloquio. Preguntarlle a Cajigal, sempre interesado polos estudos rigorosos, se a historia é máis ciencia ou segue abrazando ás letras. E a Alba que contara máis anécdotas prosaicas das súas viaxes. E como unha poeta, oficio tan alonxado dun oficinista ou un repartidor, consegue desenrolar un ermo creativo.  


1 comentario:

  1. Play free online slot machines - DrmCDC
    Play free online slot 광주 출장마사지 machines. DrmCDC's online slot 김천 출장마사지 machine selection includes 5 안산 출장샵 reels and 20 paylines, making 이천 출장샵 it one 공주 출장샵 of the most popular slots on the market.

    ResponderEliminar