lunes, 18 de septiembre de 2017

Tic Toc


*Relatos de verán

9:01 Odio cando se me engurran as sabas nas costas.

9:05 Hoxe almorzo sen azucre. Iogur natural.

9:08 Por un sobao non pasa nada!

9:15 A ver quen alardea hoxe no Facebook.

10:30 Colgo foto da miña viaxe do ano pasado. Sen datas.

10:57 Chamada! Será un traballiño? A miña compañía telefónica liga desde Sudamerica. Fala moi rápido e me trata de don. “Disculpe. Non podo atendela. Estou no tanatorio”.

12:25 Non me deixan coller un libro na Biblioteca Pública. Estou sancionado por devolver outro tres días tarde. Agocho nunha balda infantil a obra de combates navais da II Guerra. Será meu.

12:28 Mexo no urinario. Outro que anda por alí non lava as mans e deixa a porta aberta. Síntome desprotexido. Maldígoo sen soltar verba algunha.

12:30 Visiono onde está cada xornal.  Teño unha guerra psicolóxica cos vellos para ir apañando os que quedan libres. Comezo cada exemplar a  partir das páxinas centrais.

13:55 Quero participar no sorteo da radio pero aínda non teño whatsapp.

14:00 Almorzo. Revolto de espinacas e sopa de polo. Bótolle limón como os turcos. Tento contarlle dúas veces unha anecdota deportiva a papá.  Entre a xordeira crecente e que pensa no traballo non se percata da mensaxe. Desisto algo decepcionado.

14:42 Paso a basoira por tódolos recunchos. Pero sigo emporcando o chan coas zapatillas cochas. Caéme o vaso de sidra que atopei unha noite fóra do Blaster.

15:00 Pecho persianas e tírome a durmir a sesta. Con pixama de Bugs Bunny.

16:32 Saio do lar. Baixo o lixo e fágome unha ferida na coxa cos vidros rotos. Danos superficiais. Os dous primeiros coches ignóranme no paso de peóns. Aplaudo con ironía. O terceiro sorrí e faime un aceno coa man para que pase. Aplaudo con gratitude.

16:41 Rouboulle o balón a aun neno coa camisola de Messi. Trato de meterlle un túnel. Operación fallida.

16:44 Collo prestadas unhas moedas dun prato nunha terraza da rúa Bautizados. Os comensais papaban berberechos e polbo. Chégame para un mosto.

16:46 Orino nos servicios públicos da Alameda. O home do mostacho e ollos tortos mira moito.

16:48 O reloxio vai ás présas. Vou mal. Poño os auriculares. Sen música nin radio. Nada. Cada coñecido que aparece no horizonte recibe un cordial saúdo.

16:59 Entro a traballar. A miña nova sinatura é unha reinterpretación da de Durero.

17:04 Fachendeo da miña cicatriz co primeiro cativo que entra. Repito o proceso varias veces.

18:45 Os nenos teñen unha tarde boa.  Salvo a moda contaxiosa de facelo pino puente.

19:20 Tódolos pícaros cheiran a caca de Uxío.  Pregúntolle nun recuncho e dime que el non foi. O pantalón delátao por detrás. Chamo a súa familia que non pode vir cedo por motivos laborais.

21:04 Faena terminada. Ameaza choiva.

21:17 Vexo un guiri co mapa extendido. Abórdoo. Indícolle que vaia a cear a San Pedro.  Dime que gracias pero xa comeu hai dúas horas. Busca un local de copas.

21:29 Velaí ven a rapaza que me gusta. Voulle dicir algo inxenioso. A ver se repara en min. Veña, fóra vergoña. “Ola!”. Mírame como un tolo e apura o paso. Estou feito un trosma.

21:35 Faciana de fracaso. Os tres malotes que veñen ocupan toda a beirarrúa. Non apartan. Teño que baixar ó piche. Nin se decatan. Falta de educación. Abofé que sí.

21:40 Collo o bólido para ir xogar un partido. Gasolina xustiña. Poucos fan ben as rotondas.

22:16 Hoxe Dani non da un pase a dereitas. Non se pode recriminar ós que o dan todo.

23:07 Penso na ducha que fixen un bo partido. Marquei un gol de volea. Rebotou nun defensa pero é meu. A execución foi moi plástica. Palmamos 6 a 1. Algunha lixeira molestia no sóleo.

23:19 Unha cervexa rápida. Eu,en realidade,non consumo e furto escarvadentes.

23:35 Aparco. Quedo mirando un par de minutos se apaguei tódalas luces. Pechei as portas e subín o freo de man? Parece que sí.

23:38 Mamá estaba preocupada. Pai ronca no sofá.

23:42 Miro pola xanela. Teño dúbidas.Volvo a baixar. Sí, teñen que guindar unha pedrada para entrar no meu coche velliño.


24:30 Mañá teño un día ilusionante.Vaime costar durmir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario