miércoles, 17 de mayo de 2017

Vindeira estación, Casares

*Sesión do Ateneo de Santiago co gallo das Letras Galegas 2017
Dolores Vilavedra lembra a figura de Carlos Casares (15-5-2017)

   Un currículum ambicioso.A primeira nota que publicou Dolores Vilavedra foi na Revista Grial cando a dirixía Casares. Asesora na Exposición Galicia cen e no Congreso polos 80 anos da Guerra Civil celebrado o pasado verán. Tradutora de Manolo Rivas e Suso de Toro. Trala laudatio de Pilar Sampedro a relatora agradeceu o convite. “Non quero ser excesivamente académica”.

   Carlos Casares nace no 41 en Ourense, terra de grandes escritores. Que lle dan alí? A auga das Burgas?E lembra a Blanco Amor, Bieito Iglesias, Risco e Álvarez de Novoa, aínda que este chegou o mundo en Granada antes de retornar á terra dos seus.
   Influen nel as tertulias familiares como sucedía na rebotica de Cunqueiro. Estaba fascinado polo estamento eclesiástico como deixará plasmado en Ilustrísima. Un dos tíos era abade en Beiro, preto de Ourense, e outro foi arcebispo na Habana; unha figura seductora que montaba en moto e a cabalo; din que acompañou a Fidel nos comezos da Revolución. A súa nai era relixiosa, non así o seu pai que era mestre.
   Aposta por escribir nunha lingua comunicable. Prefería ventás transparentes a vidrieiras. Esta era a súa teima. Non daba moito a ler os textos.

   Sofre moito no Seminario. Contexto que aproveitará  anos máis tarde para Xoguetes para un tempo prohibido. Un ambiente moi disciplinario do que sae escaldado. Entón racha coa igrexa tras sufrir unha fonda crise espiritual.  Non todo foron mágoas. Logrou unha ampla bagaxe en linguas clásicas.

   No 58 fai o bacharelato entre Xinzo e Ourense.Ábreselle o mundo. Coñece a Risco e a outros galeguistas e eruditos.
   No 62 chega á Universidade. Non lle gustaba falar desta etapa. Pasou crises depresivas, como se aprecia no seu epistolario con Piñeiro, cartas que se van a publicar agora. Aínda se desorientou máis cando morre o seu guía. Estivo a tratamento médico.  Pola crise de fe, o desencanto cunha universidade rancia e franquista, os primeiros pasos dunha vida sexual… “Torturábase”.   Non logrou un expediente brillante. Pasaba longas tempadas na casa para ler.
   Voltou ó fogar un par de anos. Matricúlase en Oviedo.   Participou nas Festas Minervais, certame poético no que un ano queda o terceiro e outro o segundo. Tiña rivais da calidade de Salvador García Bodaño e Arcadio López-Casanova.  Carlos decide orientarse cara a narrativa.

   Hai dous anos paradigmáticos de Casares en Compostela. No 63 se celebra por vez primeira o Día das Letras Galegas, crease a Fundación Penzol e sae á luz a Revista Grial. Comeza así o seu activismo estudiantil en prol do galeguismo. 
Os outros fitos son no 67. A conferencia do profesor Aranguren, expulsado da súa cátedra polo franquismo, remata como o rosario da aurora. Acaban ambos no caldeiro.Tamén se organizou o concerto de Raimon,mito da canción protesta, que se converteu nun acto de masas. García Bodaño e Casares traduciron as letras ó galego. Como colofón, publica Vento Ferido, que causou moita expectación.Un acto de resistencia.

   Dase a curiosidade de que os grandes petrucios da posguerra morren entre o 79 e o 81. É o caso de Celso Emilio, Luis Seoane, Dieste, Cunqueiro e Blanco Amor.  Soben precipitadamente ó cumio os que petaban á porta, Carlos Casares e Méndez Ferrín.

   Comeza entón a Nova Narrativa Galega  a imitación do modelo francés. Rachaban cos modelos estéticos ruralistas e tradicionalistas.Carlos non quería adscribirse a ningunha corrente.

   Había longos silencios entre cada novela, algo característico do seu tempo. Non tivo a presión editorial que sufriu a xeración seguinte, a de Suso de Toro e Manolo Rivas.

   Renegaba de Cambio en tres. Novela experimental na que xoga con caligramas. Parece unha demostración de que non era un escritor rompedor porque non quería selo.

   Con A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas aposta polo eido da literatura infantil e xuvenil. Implícase nesta tarefa a que retornará nos noventa coa serie de ToribioTeo xurdira a fins dos setenta en Cataluña. Faltaba algo semellante aquí.
   No 71 casa coa sueca Kristina Berg. Unha rapaza exótica, liberal,informal e fumadora.

   Aproba as oposicións no 74 e todo irá a un ritmo máis acelerado. Nunha sociedade xerontocrática conseguiu chegar axiña a postos de gran responsabilidade.Noméano director de Galaxia no 75, ingresa na Real Academia no 77 e no 81 será deputado polo Parlamento de Galicia. Participa na elaboración da normativa ortográfica do galego. No 95 chega a presidente  do Consello da Cultura Galega substituindo a Filgueira Valverde.

   No 73 pensa en facer unha tese. Reúne material e publica artigos e ensaios do que semella unha Historia da Literatura Galega.  O proceso queda abortado no 80. “Non está para o xogo das cambadelas”. Percátase de que non tiña o apoio de certos profesores cos que contaba. Dende entón adicouse á docencia. Non era un mestre “moi dedicado” pero gustáballe e os alumnos tamén. Ademais así gozaba de tempo libre para escribir.
   Xoguetes para un tempo prohibido ten moito de autobiográfica. Clasificaríase de educación sentimental, da crise do final da adolescencia. Na liña de Adiós María, Xente ao lonxe,Dos anxos e os mortos ou A nosa cinza.

   Os Escuros soños de Clío xoga co apócrifo, ca verdade e a mentira. Inaugura o boom da novela histórica que logo continúan Víctor Freixanes e Alfredo Conde. En Europa triunfaran rotundamente as Memorias de Adriano e agora o fará En el Nombre de la rosa. Casares decatouse de que coa literatura se podía contar a nosa historia. “Eu tardei moito en saber quen era o Rei García; me contaran que os Irmandiños foran pouco menos que uns pirómanos”.

   Influido por Albert Camus as tres seguintes novelas versarán sobre a intolerancia. Ilustrísima incide na comunicabilidade.  É realista e non moi extensa. Os mortos daquel verán lembra o drama da Guerra Civil. “Pon unha pica en Flandes xa que intúe por onde virán os tiros na memoria histórica”.  Deus sentado nun sillón azul deixoullo revisar a Dolores e a Monteagudo. Ela decatouse que había unha pasaxe na que uns zapatos de goma resoaban nas laxes dunha rúa con soportais. “Un apunte de raccord”. El mudouno. Cando Henrique quería facer permutas filolóxicas, trocar sombreiro por chapeu, Casares mostrouse inflexible.

   No 2000 vai facer realidade unha das súas paixóns. É un dos escritores seleccionados para subirse ó Expreso da Literatura. Cen autores e sete mil kilómetros por Europa adiante. Un europeísta convencido,como Piñeiro, e socialdemócrata dende que viaxara a Suecia.  Un fetichista dos trens. Tanto que tiña unha enorme maqueta no galpón da súa casa. Coincidiu alá coa escritora portuguesa Inés Pedrosa que tivo unha ocorrencia. Todos debían escoller cal sería o seu epitafio. O de Carlos é ben vitalista: “Aquí xace alguén que nunca quiso morrer, que tivo a sorte de nacer home e non Deus”.  Logo, por iniciativa do PEN Clube acoulleu tres meses na súa casa de Nigrán a un escritor bosnio que fuxía da Guerra dos Balcáns. “Alimentouno moralmente tamén”. Xamais fachendeaba diso. Así era o seu carácter. Seductor. Nada intempestivo nin belixerante. Creaba un clima tan cálido que era moi difícil discutir con el.  
   Entregou unha mañá as notas correxidas de O sol do verán  e morreu de madrugada. “É un oasis de felicidade.Unha obra solar, estival e gozosa”. Tiña moitas responsabilidades institucionais e a redacción da obra permitiulle facer unha paréntese.  Apreciase unha sensibilidade especial para darlle un maior peso ás mulleres. É a intuición, o radar que tiña Casares para aproximarse o que precisaban os tempos.


   Non olvidemos a súa faceta xornalística. A brutal capacidade de escribir dúas décadas unha sección diaria.Así coñecemos ó gato Samuel.  Pousa Estévez leíaos antes ca ninguén porque era o que os maquetaba. “Se estaba de viaxe dictábaos por teléfono”. Seducía os seus fans incondicionais aínda que non fosen galegofalantes.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario