A Cidade da Cultura convida a Antón Reixa
para os Xoves Emprendores. "Levántate e anda"
Viste pantalón
frouxo a cadros. Case un pixama. “Teño a costela rota e estiven a punto de non
poder vir”. Senta ó carón do xornalista Xosé Manuel Pereiro. “Levamos toda a
vida seguíndonos o rastro como cans doentes”afirma o da perilla cana. Ambos son
escravos do ventolín. Manolo Boquete alaba a versatilidade dos invitados ó
Gaiás “Foron un pouco acaparadores”. O ambiente é moi distentido e sarcástico.
“Estamos nunha idade simpática”.
Rompente Edicións é una iniciativa de
autoedición que da os seus primeiros pasos en 1978. Axiña percibín que ten a
precisión dun historiador nas datas da súa vida. Compartía aventura con Alberto
Avendaño e Manolo Romón. “Tiñamos que explicar continuamente porque
escribiamos en galego”. Silabario da turbina é un libro colectivo
que é todo un éxito. Vendiase polos bares e esgótase. As ladillas do travesti é unha
referencia xa descatalogada na Facultade de Filoloxía.“No 79 xa iamos de
sobrados. Nos gañamos a condición de poetas. Tiñamos a au-dacia de perdela
sensación de ridículo”. Tiven que pedir un crédito de 200.000 pesetas”.Foi a
primeira vez que se arruinou na súa vida. Carlos Casares, un tipo da Limia,
dixo na súa sección “Ledicia de Ler” de La
Voz de Galicia que “non estaban mal pero non pasarán a historia da literatura”.
“Daquela a Real Academia sonaba a timo, a tocomocho”.Vendeu moitos máis
libros cando acadou sona como cantante
de rock. “Estábamos contra o mundo; logo
chegas aos 60 e segues estando contra o mundo”.
Foi profesor de
lingua galega de Jesús Vázquez. Non do presentador. Senón do actual alcalde de
Ourense que foi conselleiro de cultura. “Os meus alumnos descubriron a
liberación sexual antes ca min”. Reixa pediu a excedencia no 87. Sempre
que ía a visitar a súa nai ao final da súa vida lle aconsellaba “podes volver ó
instituto”. E llo seguiría dicindo aínda que gañara o Óscar. Unha vez pediu un
reingreso e lle asignaron un centro de Vigo.“Montei un Cristo”.
Fundaran os Resentidos no 82. A industria da
música funcionaba.“Eran tempos frívolos pero dunha enorme tolerancia e
liberdade. Había fame de que pasaran cousas. Nunca volvín a vivir da mesma forma”. “Entrei na música polo aburrido que era a vida literaria. E por dar a lata”. A literatura xa estaba normalizada, con premios… “O noso sexto disco dixeron que era o mellor por diante de Radio Futura”. No 86 xa eran profesionais. “Eramos un grupo irmán
de Siniestro Total, eles eran
comerciais; xa tocaban en Rock-Ola. Nos eramos de laboratorio”.
Entre as personas
difíciles de aturar cita a Loquillo. Lembra cando o atopou na parada de taxis
de Tribunal ás tres da mañá. Levaba una botella de Jack Daniel´s. Dirixíndose ó
vidrio dixo o do tupé “Son máis fieis cas mulleres. Atúrante ata o final”.
Tamén ten acordanzas sobre Domingo
García Sabell; “era cleptómano pero non se fala mal dos mortos”.
O bautizo no mundo
audiovisual dérase no 84. Videocreación, videoclips, algúns programas. “Cando
se estreou Thriller todos pensábamos
que facer videoclips era o mellor. Fracasamos”. Francisco Rodil foi quen lle
deu a oportunidade de facer Galicia Sitio
Distinto.
Tivo a idea de Mareas Vivas. “A tele galega era un
coñazo. Tocaba ser un visionario”.“Nunca dirixira a actores. Só aportaba
argumentos”. Entre os intérpetes había xente do teatro. Tamén Tosar, aínda non
moi coñecido, co que “establecín unha relación afectiva”. Rosa Moledo era a
lingüista da serie. Tratamos de facer a linguaxe da Costa da Morte. Con gheada
e seseo. O 11 de xaneiro do 99 é o
estreo. “O día anterior eu era un
perdedor”.A xente das cidades sentiu empatía por ese galego dialectal. Os de
Laxe, convertida na ficción en Portozás, non se vían tan ben reflexados.
“Costárame moito sacar ese proxecto adiante. O obxectivo era chegar a un 20% de
audiencia e o primeiro día fixemos 26”. Ata lle acabaron dicindo unha vez que
tiña que baixar a audiencia. De tolos.
Un
día chamouno Manolo Rivas para adaptar a súa obra, O Lapis do carpinteiro. “Sentinme honradísimo, como portador dunha
misión divina”. Tivo malas críticas pero éxito de público. Acadou premios en
Mar del Plata e Toulouse.
“Con Hotel Tívoli fixen algo mal . Puxen
dacordo a crítica e público”. Enganou a Luis Zahera pois non lle dixera que o
papel do taxista fumador o escribiu para el.
Convertírase en
empresario no 99. “Non estaba na
axenda de miña vida”. Hai que facer balances. “Hai activo e pasivo que para
min eran roles sexuais”. A incerteza de empeñarse cada día de novo. Por en
risco o teu patrimonio. Un mundo velenoso. “Ser empresario é unha vacina para o ego. Ser produtor é traballar para
que o talento de outro saia adiante”.
A habilidade
persoal que máis o axudou foi a de ser “terco e pesado”. “Ser empresario
fíxome máis recalcitrantemente rebelde.A coraxe é a panca para mudar a
sociedade”.
"Hai que ter
valentía pero non ser incauto”. No 2012 foi produtor teatral de Galicia Caníbal. Foi un erro. Os do
audiovisual teñen que conseguir cartos e son outros os que distribuen pero no
teatro este gasto é maior. “A obra tiña certa relevancia cultural pero foi unha
ruína. Estreouse en Madrid o mesmo día que entrou en vigor o ive cultural”.
“Eu son un puto
triunfador. Un tipo inaguantable. Aprobei o carnet de conducir á primeira”. Do
único que se arrepinte é de ter sido
presidente da SGAE. “Nunca vin tanta malicia por metro cadrado”.“Hai que estar
agradecido cando eres capaz de manter a túa empresa aberta. Estreméceme que
nada volverá ser coma antes. Os nosos fillos vivirán peor ca nós. É terrible”. Hoxe,grazas
a Deus,ten un proxecto sobre o asasinato dun xesuíta da República de El
Salvador.
Tras dúas horas de
interrogatorio baixo do flexo xa estaba farto de tanta leria. “Imos indo,
non?”. Xa tiña gana de botar un pito. E
diso non hai vontade de deixalo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario