martes, 17 de mayo de 2016

Manuel María dende as entrañas



Darío Xohán Cabana lembra a figura
do poeta das Letras Galegas 2016
no Ateneo de Santiago (9 maio)

Artigo publicado en El Faro de Vigo (18 de maio)

*Fotos xentileza de Casa Museo Manuel María

   Darío Xohan Cabana é un prestixioso poeta, narrador e traductor. Pasaron polas súas mans a Divina Comedia, O Cancionero de Petraca, a poesía occitana… Sabendo levar ese “meigallo ó galego”. Florencia acabou por concederlle a medalla de ouro. “Tiña uns amigos alí, que importan máis que os premios”.  “Non son un conferenciante brillante. Euloxio ou García Bodaño saben tanto ou máis ca min”. Demasiada modestia para o meu gusto.

   “Manuel María está demasiado cerca do corazón” confesa un chairego do seu amigo tamén chairego. Cando Darío tiña dezaseis anos, alá por febreiro do 68, déronlle o enderezo do poeta, que xa tería uns corenta anos. Mandoulle un carta pedíndolle que lera os seus versos. Respondeulle que viñera unha fin de semana a casa. Coa única condición de que  lle tratara de ti. “Recibín un maxisterio poético, ético e de vida”. Botoulle tamén moitas broncas porque “eu facía disparates”. Logo, Darío seguiría o mesmo modelo cos seus irmáns pequenos.

   Naceu no 29 en Outeiro de Rei, aldea estrana da Terra Chá. Unha pobra vinculada a Casa de Lemos no XV e XVI. Un burgo agrario formado arredor dun castro que hoxe é un pazo en  ruínas. “Un espanto”.  Era un fillo dunha familia importante, de labregos ricos. Xa tiñan once ou doce vacas. Mataban outros tantos porcos ao ano. Cen fincas máis ben pequeñas, algunhas arrendadas.

   O irmán do pai era Xosé Fernández Núñez, párroco de San Froilán, que falaba francés e italiano. Tamén profesor de filosofía.   Outro irmán do pai tiña un comercio en Madrid. E un primo do proxenitor foi un médico de sona en Lugo. É dicir, unha familia integrada coa pequena burguesía ilustrada.

   Tivo tres irmáns. “A nai quería que fosen bos fanegueiros pero algún tiña que estudiar”. Con nove ou dez anos, aínda “sonaban os disparos de guerra”, acudía a unha especie de clube de lectura os sábados. Así coñeceu a Antología de poetas gallegos de Álvaro de las Casas e Literatura gallega de Uxío Carré Aldao. Por tanto xa de ben pequeño coñecía a poesía rompedora. Axiña apreciará a lírica de Rubén Darío. Pero Manuel non so é poeta. Tamén fará teatro infantil, xornalismo e unha narrativa quizais menor.

   En 1942 aprobou o ingreso de bacharelato; daquela operaron ao pai de apendicite pero todo se complicou con moitas infeccións e acabaría morrendo un ano despois.  Tivo que encargarse do seu coidado o tío sacerdote. Levouno de vacacións á illa de Arousa, por iso hai tantos elementos mariñeiros en Muiñeiro de Brétemas.

   Estudiou nos Maristas. Foi interno. “Queixábase moito”. Suspendeu unha reválida en quinto. E pasou o instituto masculino. Alí, con compañeiros como Uxío Novoneyra, coñeceu ó mestre salmantino Lázaro Montero de la Fuente. Un experto na poesía da Xeración do 27. De Lorca e de Alberti pero especialmente Hijos de la Ira de de Dámaso Alonso, do que era bo amigo.

      Empeza a tratar a Anxel Fole, “que estaba mal da cabeza” ou Celestino Fernández de la Vega, que lera en alemán a Heidegger. Un profesor de francés aportou edicións orixinais de Sartre e Camus. “Sabían as cousas e reflexionaban máis que hoxe”. 

   No 49 fai con Manuel Antonio Sopena unha revista “que é unha ruína”. Botáronlle unha boa reprimenda. Imparte unha conferencia sobre as vangardas e Ramón Jiménez. E publica una poemas en castelán, Marinero en la noche. “Non os lin pero creo que son relativamente malos”.
   En 1950, en plena longa noite de pedra, publica Muiñeiro de Brétemas. Xa hai algún poemas moi bos. Unha liña pódese asociar coa gracia saltareira de Luis Amado Carvallo e outra coa musicalidade de madeira de Manuel Antonio. Pero Manuel María non imitaba a ningúen, “foi un poeta da vangarda toda a sú vida.” Mentres ca min andaba na liña de“Celso Emilio ou Curros.”
   Ata entón prácticamente só escribirá versos en galego, Cómaros Verdes, Aquilino Iglesias Albariño.   Xorde a Colección Benito Soto, “un facho no panorama negro da literatura galega”.

   O primeiro escritor que publica en galego despois da Guerra Civil é Manuel María. A Gran Xeración Antifranquista estaría formada por Méndez Ferrín, Arcadio López Casanova, Xosé Luis Franco Grande, García Bodaño, Ramón Lorenzo, Alexandre Cubeiro, Novoneyra, Cuña Novás…

   María quería estudar Filosofía e Letras coma o tío. O cura quería que fisexe carreira en dereito. Pero“era terco como unha mula”.Se tiña unha idea na cabeza era imposible facelo cambiar. Túzaro e carneiro. Aínda que collía esas cóleras furibundas era todo bondade.

   Matriculouse por libre. A primeira nota que tivo foi un suspenso en literatura.Un golpe brutal para un home cuia primeira obra xa loubara Otero Pedrayo.Sensación de inxustiza. Por estas cousas, viviría toda a vida en precario. Escribiu en xullo do 52 con gran “violencia verbal” o excepcional Morrendo a cada intre. Creouna nunha noite ou iso afirmou el.  Foran dous anos de “desbordamento e tormenta”.

   En outono comeza a escribir Advento. Un dos grandes poemarios galegos xunto con De Catro a catro.  Rematouno en febreiro pero foi escrito máis a modo ca antes. Publicouse no exilio grazas a Luis Seoane. Formalmente é mellor. Á moda do surrealismo e con imaxes alucinatorias. Angustia vital. “Libro redondo onde non falta nada, nin unha coma”A última parte anuncia unha poesía pobre en recursos.

   Ven facer o servicio militar a Santiago. Conta Xosé Ramón Pousa que El Correo Gallego fíxolle unha entrevista ó soldado das letras. Cando se percatou o sarxento lle deu unha bofetada “por poeta”. Anos despois o sarxento convertiuse en carteiro e tivo un reencontro con María cargado de humanidade.

   No tempo da mili atópase con grandes intelectuais. Con Bouza Brey, o pintor Maside que lle descobre o marxismo ou Otero Pedrayo, “presidente secreto da República Galega”.  Foi comer con el moitas semanas e de aí xorden os poemas a Compostela, que se publicarán moitos anos despois. Pola mañá daba clase ós analfabetos. Amaba a xente. “Falaba con todo o mundo. Ata cos toliños!”

   No 63 sae Mar Maior, inda que ten poemas escritos desde 1952. Eiquí “Versos para o día da miña morte” é boísimo e transcendente. Escribe en diálogo con Francis Jammes, poeta francés algo olvidado, Luis Pimentel ou Álvaro Cunqueiro. Pero seméllase máis o creador minoniense de Herba aquí e acolá que o de Dona do Corpo Delgado.

   Os xornais pagábanlle mal. Facía algunhas colaboracións na radio. Pero non tiña oficio nin beneficio. “Tampouco quixo ser secretario do concello.”


   Buscou un sitio onde radicarse. Monforte. Tivera a sorte de coñecer a Saleta no 56. Na radio La Voz de Vigo ofrecéronlle ser xefe de programas. “Xa era alguén”. Dábanlle 6000 pesetas de salario. Era moito. Pero dixo que non porque tiña que afiliarse á Falanxe. Non pasou polo aro.


   Remol pertence a esta segunda época de repouso. “Acuso á clase media” é un gran poema, case unha bandeira. Se grabou nun disco e foi recitado por moitos axitadores, “entre eles por min” na trastenda dunha taberna.


   Viviu como procurador. No 70 a parella monta a Librería Xistral que se converteu nun centro cultural. “Atendía ela porque Manuel en asuntos comerciais non valía absolutamente para nada”.

   No 64 entra na UPG. Mantén unha militancia política intensa nos anos da nova canción galega. Presentou no 67 o recital de Raimon en Santiago. Morto o dictador puxéronlle unha multa á parella por unha manifestación política.
  Por iso, podemos dicir que Proba Documental, do 68, inaugura unha etapa de poesía civil e combate. Os soños na gaiola é de carácter político aínda que non se olle expresamente. Esta fase se prolonga ata fins da década dos setenta.

   É un “poeta orgánico” como Louis Aragon ou Neruda. Ó servicio da liña do partido. Fixera gran poesía e outra non tanto. Pero incluso Rosalía ten versos para olvidar. O chileno chegou a escribir unha loubanza ó rexime cubano antes de cabrearse con eles. “Manuel María escribiu 1500 poemas e 50000 versos”. Pero eran nobles e fixeron moitos sacrificios. Na antoloxía que fixo Darío con Amelia Outeiro escolmaron noventa poemas. Coincidiron nun oitenta por cen. A quintaesencia da súa obra.
   Desde 1980 a liña da poesía cambia de maneira radical. “Demasiado prolixa”. Con sutileza de recursos expresivos pero nos conmove profundamente. Fala de amor, reflexiona sobre a morte. Era un home moi relixioso, algo que non estaba de moda nun tipo de esquerdas. “Cre na pervivencia, na inmortalidade”. Confesa Cabana “me conmove como Dante ou San Juan de la Cruz sendo un ateo radical”.

   No 85 deixou de militar na organización. Pero continuou no ámbito político do BNG. Deixou de facer poesía política quizais porque lle deixou de interesar. Pese a todo pudímolo ver incluso na Manifestación do Prestige.

   A súa vida foi exemplar. “Estivo en todos os sitios onde tiña que estar e nalgún onde debería non estar” Deu centos de conferencias, incluso na emigración, aínda que ás veces non lle pagaban. Gustoulle sempre viaxar. Era o que máis lle chistaba despois de falar. Nos setenta estivo en Suiza ou Venezuela. Desde 1985 viaxou por Europa adiante polas sociedades de emigrantes. 

   En relación as súas amizades con outros pais das letras sabemos que coñeceu a Cunqueiro cara o 50.  Bebían, non moito, e comían xuntos. A relación foi profunda. Elexías a miña vida pequeniña apareceu entre os papeis do mindoniense porque llo enviara o chairego. Logo se distanciaron por radicalismos políticos.

   Foi amigo de Méndez Ferrín desde que este “andaba en pantalón curto”. Adicoulle Informe pra axudar a alcender unha cerilla, obra surrealista de protesta, cando o ourensán estaba na cárcere. Non foi menos Xosé quen lle dedicou uns versos de Con Pólvora e Magnolias. Distanciáronse despois e dixéronse barbaridades. Pacificaron anos máis tarde. María entrou moi serodio, 2003, na Real Academia porla obstinación de Ferrín. “Logo competían en quererse”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario