lunes, 3 de febrero de 2025

Papo

 Disque dan enerxía inmediata. Esa prensa teñen. Eu levaba un cada tarde ó traballo e a rapazada xa me coñecía por "Señor Platanoso". Ata me gustaba o alcume. Ás veces quedaba algún esnaquizado ó fondo da mochila e untaba a miña axenda escolar dun semisólido grumoso. Pero houbo un, cal atleta espermatozoide, que sobreviviu a ambas defuncións. Quedou olvidado nun peto. Morreu o inverno e esquecinme dese gabán abrigoso. Ó fondo do armario a repousar. Pasou o Pilar, retornou a friaxe e o meu interés na prenda. E, sen pretensión algunha, atopeino. Adquirira unha dureza xeitosa, minguara coa febre e coloreouse de negro. Se achegabas o peteiro o cheirume non era desagradable. Para nada. Ulía a sultana. 

   Por suposto convertiuse no meu amuleto e depositeino a carón do contakilómetros. "Aminora!!" dicía cando chuleaba rotondas a 50 por hora. Riase de min cando saía da casa co vidro sen desempañar; "un día non o contas". Tamén cando tiña unha experiencia de pel; "estás moi verde, precisas rodaxe". Unha voz da conciencia, vamos. Sabía do seu humor acedo, incluso que preferiría cravarme un aguillón de pus antes que recoñecerme unha virtude. Pero o certo é que me caía bárbaro e aportaba boa compaña.

   Un día cando morreu xaneiro, que tanto me maltrata, ía rindo irónicamente da miña playlist de músicas románticas. 

-Pois segue sufrindo aquí mando eu.

   Miraba para a miña parella medio de esguello para ver se a noite ía ser de velas, fresa e champaña. Tanto a fitei que a súa cara mudou a susto. "Coidadooo!!" Cravei os freos, o bólido do 2008 freou con solvencia e batín no cu dunha motocicleta.

"Pringao, hai que ata-la crisma"

-Un día destes guíndoche ó compost

"¿Qué dis? ¿Con quen falas? ¡A culpa foi túa! ¡Non sabía que tiñas ese pronto tan feo! Pídelle disculpas ó rapaz e lévame a casa".


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario