Camiño dos Faros.
Vivencias da andaina de Malpica a Niñóns (20-3-2016)
Vivencias da andaina de Malpica a Niñóns (20-3-2016)
Cada vez somos máis trasnos. O día é gris, ameaza
choiva. Escusas de cobardes. Frío ningún. Partimos con forza polo paseo de
Malpica a carón da limpísima Praia Maior. Camiño de San Hadrián. Conta a lenda
que foi quen esmagou unha das moitas serpes que había nas Sisargas. E dende
aquela os réptiles non se deixaron ver máis por estas illas. Grande, Chica é a
Malante conforman o arquipélago.
Hai lama polas
choivas dos últimos días. Piso un tacto esponxoso. Auga subterránea por baixo
da tona. “¡A vella morta! Así lle
chaman na miña terra.” Pola Praia de Beo non pasou o servizo de limpeza. O
parque infantil está deixado da man de Deus.
Uns namorados están
agarimosos. Tropezan. Discuten. E camiñan por separado. Un homiño pasa o arado.
Para o agricultor non hai Domingo de Ramos. Son todos de semente, abono e dedicación.
De cando en vez cruzamos mananciais. Un pracer sonoro.
Adestramento para Humor Amarillo. Na Praia de Seiruga é
obrigatorio mollar os pés. Os xeonllos se atinas nunha poza. Está fría coma un
carambelo. Non faltaron as verbas de consolo. “¡Isto é ideal para a
circulación!” Alá imos todos a descalzar as botas. Aprendín do ano pasado que
levar zapatillas é unha temeridade para as articulacións.
A miña primeira
parada foi no Bar Xan. E a derradeira. Visiono o partido matutino mentres tomo
o xantar. Ás veces a cola do baño e dos callos tapona a meirande parte da
pantalla. “Non sabía que había fútbol a estas horas”comenta unha dona. Hoxe non
hai sesta. A loira que camiña tras de min fala moito; parece que todas as súas
verbas levan erre.
Trala Praia de
Barizo ascendemos polo cráter do eucaliptal.Escenario dantesco para unha traxedia. Nas pendentes sempre hai reagrupamentos.
Cando son cara arriba o silencio é fúnebre. Hai que darlle ar ós pulmóns. No
porto aquelas casetas con enreixado semellan un penal.
Cumpríronse os
pronósticos. Orballou de dúas a catro. Camiño detrás do home do paraugas verde.
Debe levar o brazo dereito cargadiño. Corredoiras de lama. As rochas teñen fendas.
Máis que furnas parecen enrugas.No alto o vento fai de min un monicreque.Por iso
xerminaron tan ben os eólicos no promontorio de Punta Nariga. Algunha pedra zoomórfica. Case moais. Fotografío en vertical a un rianxeiro. A
proba para demostrarlle ós fillos que chegou ao faro. Construcción ben recente.
Obra de César Portela hai vinte anos. O Atlante da proa non saiu das súas mans. Nestas augas bravas desapareceu un pescador
hai unha semana.
En Niñóns os
paxaros cantan ó advento da primavera. O camiño de frechas verdes remata nunha
igrexa. ¿Linguaxe subliminal?
No hay comentarios:
Publicar un comentario