lunes, 30 de marzo de 2015

Don José Guitián

*Antoloxía de fotos de José Guitián no Museo das Peregrinacións de Compostela (27-3-2015)

Artículo publicado en La Opinión de A Coruña (31-3-2015)
y El Progreso de Lugo (1-4-2015)

   Tras case medio cento de exposicións, a Casa Gótica de San Miguel emprende a súa derradeira mostra antes de fusionarse de vez co magno museo do Banco de España. O Museo das Peregrinacións homenaxea a un fotógrafo santiagués nado en Cuba en 1925. A familia indiana ten que retornar en 1931. A dictadura de Gerardo Machado non ve con bos ollos as actividades teatrais que promovían os seus pais. No 36 se instalan en Compostela. A nai perde o traballo público como mestra no Pino e o pai tamén sofre dificultades pola súa militancia na CNT.

   Os proxenitores pretendían que José se incorporara á Universidade. Pero entrou no estudio fotográfico Ksado,dos irmáns Luis e Carmina Casado.Empeza dende abaixo, aprendiz e recadeiro. A aventura dura un lustro ata que un día lle dan unha labazada; nunca máis. Por entón xa comezara a cultivar outra paixón, o xadrez. O mestre Carlos Vázquez ensínalle a arte do violín.


   Tamén bota unha boa tempada, do 42 ao 48 baixo as ordes do fotógrafo Almeida, de orixe portugués. Compenetra tal oficio cos estudos que fai para a facultade de Medicina. Continúa a súa formación matriculándose na Escola de Artes e Oficios onde obtén o título de Debuxo Artístico. O coleccionista de selos ten a sorte de que no ano Ano Santo de 1948 se populariza que os feixes de peregrinos se inmortalicen en Platerías, se son poucos, ou na praza da Quintana.


   O seu primerio establecemento foi Foto Studio , ubicado a carón do actual Bar Negreira, o das patacas cocidas con pimentón. Comparte gastos con Roberto Rivas.O traballo medra coa demanda de fotos para o DNI, que xorde no 52, e para as orlas universitarias. Recibe entón o pioneiro flash electrónico que recala en Compostela.Xa non escapa detalle á súa Voigtländer.


   Múdase no 53 á rúa Altamira, fronte a Praza de Abastos.Dous anos despois casa con Carmen, coa que terá cinco fillos. O acondicionamento nun segundo andar da rúa do Vilar é máis doado ó gañar unha quiniela de trece. Subía o arrecendo a polbo do Gato Negro. No 62 consegue por fin un local, o definitivo ata a súa xubilación no 89, á pé da emblemática rúa dos soportais. 



   Acostumaba facer expedicións nocturnas pola cidade vella; procuraba facer fotos xusto trala chuvia para que as pedras molladas ofrecesen un maior contraste de luces e tebras. Aínda que titulou unha foto dun vello ante a farmacia Gómez Ulla como “Non hai mellor medicina co sol”. O coengo Juan Pérez Millán encomendoulle unhas imaxes do Códice Calixtino antes dunha restauración en Madrid.Sorpendeu polas costas á furia do apóstolo Santiago no tímpano de Raxoi.

   Retratou a feria de gando dos xoves na carballeira de Santa Susana. Nenos con peiteados á taza e pantalón curto celebrando unha comuñón. Outros máis cativos eran disfrazados de toureiros.  Empregou como modelo o mendigo Ananá e fixo unha montaxe do pinanista Javier Ríos realzando as súas vituosas mans. Desmesuradas coma as do David de Miguel Ángel.



   Antano Cervantes e Obradoiro eran paraxes de estacionamento e a Praza de Vigo un arrabalde irrecoñecible.  As leiteiras viñan na baca dos autobuses de Calo. Nas escolas rurais había nenos de idades desiguais, lámpadas sen tulipa, crucifixos e fotos do Xeneralísimo.  




   Unha vez Maruxa e Coralia Fandiño lle pediron un retrato. Disque interesaban á revista Vogue. Sabendo Guitián os seus apuros económicos faillo gratis.Ese día presentáronse sen roupas rechamantes, aquelas que tanto animaban os paseos as dúas en punto na triste Compostela do franquismo. Ben lembra o nonaxenario como esas infelices e atormentadas mozas da Rúa do Medio iban na procura de po de albayalde á droguería Labarta para maquillar as súas facianas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario