lunes, 25 de marzo de 2024

Marabillosa María Vázquez

María Vázquez, gañadora do Mestre Mateo á mellor interpretación feminina por Matria, falou en NUMAX da súa traxectoria 


*Artigo publicado en La Región (29-III-2024)


  María é a protagonista pero quere que as outras 27 persoas da Sala Numax nos sintamos partícipes, cómodos e conectados.É cercana e con moita forza na mensaxe.Como a súa camiseta.


   Comeza a falar dos eneagramas, 9 tipos e 27 caracteres, que investigaron os da Terapia Gestalt. Clasifican os personaxes en tres tipos: mental, emocional ou instintivo.

   Os mentais están na cabeza, son reflexivos. "Son o que penso". Serían así Freud, Kubrick, Tim Burton. Tamén Woody Allen que sempre dubida e fala dos seus medos.

   Os emocionais son máis redondos. Son o que sinto. Cleopatra, Napoleón, Michael Jackson, Kurt Cobain, Frida Kahlo, Almodóvar, Truman Capote. Ou Meryl Streep na película Agosto.

   Os de “son o que fago” son os instintivos.  Soen ser grandes e con centro de gravidade baixo. Julio César, Maradona, Sean Pean e moitos mafiosos. Se incluimos ós animais estarían aquí o león, gorila e rinoceronte. 

   Hai tres modelos distintos de directores.  Os que construen contigo o personaxe. Álvaro Gago estivo aberto a que o papel de María fose por outros lugares. En segundo lugar pon o exemplo de O corpo aberto; “tiñamos máis tempo e foi unha cociña individual de cada perso-naxe”. E por último Los pequeños amores onde a directora tiña moi claro os seus referentes.

   "Os directores teñen que xerar un clima de traballo para que todos esteamos na mesma onda".   Nalgunhas rodaxes pasou medo e tivo que ir a chorar ó baño porque lle estaban berrando. "Non podía facer algo creativo con esa tensión". Agora busca contextos de respeto e seguridade."Os directores de Matria e Los pequeños Amores se contasen esas historias e logo non tivesen un comportamento acorde serían uns tiranos.  Se hai imposicións a xente non quere facer nin cinco minutos máis”.

   Isaki Lacuesta fai dinámicas grupais. Agóchase debaixo da mesa e vai dicindo cousas. Os de son sofren moito. Mixtura actores con outros que comezan.  A actriz confesa "odio o termo actores naturais para os que non son profesionais. nós tamén queremos selo".


   Cando prepara unha película ten que baleirarse para deixar entrar outra persoa.  "Son bastante ansiosa. Fago exercicios de concentración e ioga, medito, vou a terapia".  Se veñen etapas de menos traballo "é importante ter unha familia e unha vida persoal. E relacionarse con xente que non sexa do sector.  Ter rutinas para non entrar en barrena. Ter unha horta dame terra. Non chega o que é mellor senón o que máis resiste". 

   Non lle costa verse nunha pantalla. Pensa que por facer moitas veces unha mesma toma non ten por que gastarse. Pode mellorar. Cre que o teatro "aporta un chute como se te drogaras. Bardem nunca fixo teatro e non lle fai falta. No cine podes equivocarte". Pregúntalle que papel lle falta por interpretar. "Gustaríame facer de pija.  Igual a prexuzgaría pero tería que atopar humanidade nesas Cayetanas" engade con sorna.

   Con cada personaxe que prepara vai elaborando un caderno. Alí cabe todo; fotos, poemas, cartas mesmo da adolescencia...  Tamén confía nos amuletos.   En Matria, na que encarna a un personaxe que non lle chega a sorte, vai cun trevo que lle regalaron os fillos. E en Los pequeños amores leva un camisón da súa avoa.

   Para achegarse ó mundo máxico de O corpo aberto escoitou a banda sonora de Suspiria. Lémbrame á tensión do piano de Eyes Wide Shut. Hai unha escena onde lle crava con bravura un coitelo a un porco. Explica que os animais nas rodaxes, coñecidos como semovientes, son sempre ben tratados e contan cun veterinario. "Tivérono que drogar un pouco para que non nos mordera". Aínda que eles non escolleron traballar, só poden facelo durante catro horas.

   Para Matria ambientáronse vendo pelis de creadores como Kem Loach. E Perra de Rigoberta Bandini tiña o ton adecuado para unha escena de empoderamento feminino con Susana Sampedro nunha taberna. A súa nai foi por toda Galicia a ver as proxeccións. María sentiuse moi cómoda nas presentacións a carón de Álvaro Gago. "Se confías nunha peli tes que entrar no xogo. Podo levar os pendentes dunha amiga. A miña vida non vai cambiar se me dan un Goya ou non". "Cando volvía a casa de facer Matria os meus fillos dicían que sempre estaba anoxada. Ata seguía co mesmo acento".

   A enerxía de Los pequeños amores é cara o pequeno. Con Celia Rico traballaron moito cine xaponés. Plano estático, desde fóra,con moito simbolismo."Afectábame o clima de moitísimo calor que había en Barcelona. Quería suicidarme!" bromea a actriz. Había un can que tamén sufriu esas temperaturas.

   En Nosotros de Helena Taberna, que está baseado nunha novela de Isaac Rosa, fálase dunha ruptura amorosa.  Sabe que hai cancións que lle lembran a unha exparella."Metíame nun lío emocional. Chegaba a casa angustiada. Rematará o meu matrimonio? Creo no amor? Ademais a directora era moi intensa. A miña familia ten que vivir con este desequilibrio".

   O cine galego non é so costumista. “Hai moitas Galicias, moita diversidade. Aínda hai moita precariedade.Como é un mundo pequeno e endogámico tes medo a protestar".Quéixase dos políticos "O seu nivel é nefasto. Lles renta moito, apórtalles visibilidade e non poñen algo de cariño".

No hay comentarios:

Publicar un comentario