Notas da Exposición sobre o histórico café compostelano trala visita guiada á mostra da Casa do Cabido con Fernando Franjo (5-XII-21)
Avelino San Luis abre o Derby en novembro do 1929, un ano antes
que o Hotel Compostela. Moitos dos seus amigos crían que o hosteleiro se
ía a endebedar.
Escolle o inmoble de Orfas 29 onde
estivera o Hotel Oriental desde fins do XIX e despois o Hotel Moderno que
languidece no 23. O alugueiro primitivo era de 600 pesetas ao mes. Quería crear
un café distinguido e elegante. A súa muller, Carmen Rey, compaxinaba
este traballo co de panadeira.
Xa en 1935 dous camareiros, Manuel
Domínguez e Ramón Barca, herdan o negocio e no 42 queda só o primeiro ó frente.Collera
experiencia nos seus anos na Arxentina e no Hotel España. Introduce algunhas
novidades como a categoría de restaurante e o servizo a domicilio. A súa
esposa, María Domínguez, era unha reposteira e cociñeira de Calo.
Á metade dos sesenta incorpóranse
os fillos maiores, José e Sarita. Pero Manuel seguirá liderando o proxecto
máis de medio século ata o seu pasamento no 89 cando a súa filla Victoria toma
o testigo. Ramón Rodríguez e José Castro foron dous dos históricos camareiros que daban un esmerado
servizo. En marzo do 2020 pecha definitivamente as portas, a crise
pandémica adiantou en tres meses a data da xubilación prevista para o comezo do
verán.
No 32 abre unha sucursal, o quiosco Derby na parte alta da
Alameda, xunto a estatua de Rosalía. Os productos estrela eran a coctelería e
os xeados. Posteriormente tamén tivo outro negocio na planta baixa do Pavillón
de Recreo, o que hoxe é a gardería de Santa Susana. Ambos eran
establecementos de verán.
Eran tempos de efervescencia na
cidade. Este era o caldo de cultivo. No 25 abre o Quiqui Bar do edificio
Castromil. O Concello de Santiago anexiona ao de Conxo, tras noventa anos
de independencia, polo que a estación de tren de Cornes pasa a depender
administrativamente das autoridades santiaguesas. No 29 inícianse as
obras do Campus Sur. E un suceso moi relevante, a finais da década Compostela
xa conta cunha oficina de turismo sita na rúa do Vilar. No 35 nace o Cine
Capitol.
O arquitecto que liderou as obras foi Jenaro de la Fuente Álvarez, o fillo, quen foi o artífice do Campo de Balaídos. A decoración interior foi traballo de Camilo Díaz Valiño, quen amosou a súa valía tamén no Teatro Principal, Salón Teatro, Círculo Mercantil ou o American Bar. Entre a espectacultar ornamentación temos a moldura ou cornisa superior e o mostrador de mármore de Carrara de dúas cores que con 130 cm era algo máis alto do habitual.
(Imaxe da web de Tripadvisor)
As cinco famosas vidrieiras enchumbadas de feitío modernista foron
encargadas á fábrica La Veneciana de Zaragoza; cando a marca
viguesa Vidrieras del arte La Belga restaurou dous destes
vidros cromados non dubidou en deixar tamén a súa sinatura. No 96 a Cristalería
Martín de A Coruña arranxou outra das vidrieiras.
Pensou en instalar un zócolo de azulexos pero
decantouse por un de madeira de caoba que importou de Cuba. Discorre por todo o
espazo incluíndo as columnas.
Tamén eran icónicas as mesas en marmolina verde e as cadeiras tipo
Thonet. Entre a louza había vaixelas de luxo gravadas e pratos
decorativos de Manises. Non está comprobado se os orixinais colgadoiros
para chapeus son man de Alejandro de Fisterra. Todo isto lle otorgaba ó café
unha identidade única. "O café máis emblemático de Galiza"
segundo Manuel María.
O Plan Especial
de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de 1997 axudou a
preservar este patrimonio. Non desdeñemos tampouco o feito de sela primeira
cafetería en usar manteis e ter as primeiras cafeteiras express de Compostela.
O café era de importación e a repostería de calidade. "Gran variedade de
cócteles, sempre lexítimos".
Os principais clientes pertencían
á burguesía acomodada e os estudiantes universitarios.Tamén había namorados,políticos
de tódolos partidos e xogadores de
parchís. Este popular xogo era case sempre disputado por mulleres que
comezaron a acudir nos sesenta á sección das merendas. Nunca foi un
café concerto pero si plató de rodaxe dalgunha película. La casa de la
Troya ródase no 59 e no 81 El contratiempo.
Valle Inclán chega a Compostela o 6 de marzo do
35 para tratarse un cancro no sanatorio de Manuel Villar Iglesias. Xa
convalecente, escolleu o Derby para os faladoiros cos seus acólitos.
Neses derradeiros dez meses de vida sempre elexía o mesma cadeira, a da xanela
que mira ó Hotel Compostela. Os testemuños, medio lenda medio realidade,
falan do seu carácter alporizado e ególatra.
Outro ilustre cliente foi Carlos Casares que acudía despois do almorzo co poeta Arcadio
López Casanova. Perfecto Conde lembra tertulias que se prolongaban
ata a hora de peche, as dúas da mañá.
Unha curiosidade. A finais do 37 o Rexime Franquista impuxo
unha normativa na que prohibía nomes foráneos. Así, polo peso da censura
adoptou o nome de Café Imperial.
Nembargantes na publicidade seguíase a lembrar "antes
Derby". Pasará unha decada ata que recupere o nome primixenio.
Pediron permiso para poñer a televisión no 1962, só un ano
despois de que instalase o repetidor no Pedroso.Ata esas datas, e so interrompida
pola Guerra do 36,a celebración de Noitevella era unha data ben especial.
Repartían lambetadas e champaña. Un mozo daba as badaladas a golpe de
bandexa mentres a xente ía comendo as uvas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario