![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjJFkBbxsw3kbSIhhn33kmrJM-fhRIaZwlUjVMJgSyrMiUT5P3YyPRl8VobNc4vzS7WTbiE3Zf-5Hr34H-vm69tdg3gtR_Nhty4hw9311uNSW7QhnVox7q0ztpJNkr219_Pyna_8zn6uWGw/s400/diaz+pardo.jpg)
Frío e chuvia no
camposanto. Os vivos veñen a celebrar o cuarto cabodano do que foi para
alá. Bandeira republicana e bandeira
galega. Sen medias hastas. Sen vento están tristeiras. “As que segundo Xesús
Rábade mostraba Isaac durante a República.” Catro gaiteiros sopran o folclore do pobo. O
máis mozo con piercing e cazadora. Desprazámonos ao norte do cemiterio. No
centro Díaz Pardo. Á dereita o poeta Aurelio Aguirre e á esquerda Antón
Fraguas. Ás horas do mediodía como no Monte Calvario.
A profesora universitaria Ana Acuña agradeceu a Díaz Pardo e Edicións do Castro o seu apoio a En Tránsito. Foi “auga unificadora e soño creador”.
O profesor de
Ciencias da Educación Antón Costa
lembrou que no 78 querían reconstruir o Seminario de Estudos Galegos en San
Domingo de Bonabal. “Eu era un dos máis novos”.
Dos últimos anos de Isaac contou unha anécdota; estaba durmido nunha
hamaca nun día cálido de xullo e tiña o sorriso de Daniel.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEidT0ukQaapg3H7_Xffs9Lo6WObBZmbOvEiyYEKzneFAt6iACbJ6Yl2VBxveZ9rDgZMe6B21QqoHY2ORt3vpETEQRMoi2ExGLV3Q2bEKD209ynbbxDpBbG0KIitZy2gIPOfXFfYlXTn9fvv/s200/DIAZ+CASTRO+ESPERANZA+MARI%25C3%2591O.gif)
Esperanza Mariño Dávila diseñou un
percorrido en Santiago cos espacios clave para Díaz Pardo. Considera que a súa
poesía comprometida aínda foi pouco divulgada. Tamén Os Cantares de Cego merecen unha revisión. En A
nave espacial podemos ler “pensaban na lúa, olvidando os problemas da
Terra”. Outro fala do Marqués de
Sargadelos. Cine de Londres é sobre
unha labrega galega que emigra a Inglaterra e sofre tantas humillacións da súa
dona que a acaba matando. É unha parábola do pobo galego, sempre manso. Castelao reivindica a figura do
galeguista na súa verdadeira esencia e critica o caciquismo.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEirhX19jA27WWCIjNC25hEtuhYKA8-IgIdmDFwNFOit-h0kTNaAXyBvHLM-QWG_ya4XUuXq7NJNMc_aacKPpPLUEAIswBWJf63IU9qcPoZXgsf4gSNsLLjRA63SKoYkbrbMgIBo6pEFgs2b/s200/diaz+pardo+logo+asociacion+irmans+picallo.jpg)
Arturo Pita Fernández falou no nome da
Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. Lembrou que Isacc tiña a teima de
que Ramón quería repousar en Sada. E salientou a bonhomía do home que levou
polo mundo o Castro de Samoedo. Malia que a produción de cerámicas atravesa
unha profunda crise coa máis que probable desaparición. Tanto como a súa muller Carmen Arias, alias
Mimina, son socios de honra da devandita asociación.
O comunista Jesús Redondo Abuín preferiu
o camiño das emocións. Destacou a actividade multidisciplinar dun home que militou
nas Xuventudes Socialistas Unificadas xa con dezaseis anos. Era “listo
como un allo”. “Colleu o bisturí de
abrir en canal as palabras”. “Non colgou a roupa de traballo ata que lle deu un
corte de manga ó mundo e baixou a persiana”.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEicH1GKS5SSeWQVtrPfoGIYbpQzMHdLtLf2SpNDWz-yPdhg4BfTByvgZY1Pm_tw_hTJvjFqeuEzS0Zbr9AQQ7qKyvyTipt8RrGAaObxt5NE7yEaB62MJrcMIP18DM6HseZ8fqMFl8FHIPU8/s200/DIAZ+PARDO+Xo%25C3%25A1n+Xos%25C3%25A9+Fern%25C3%25A1ndez+Abella.jpg)
O entrañable
poeta Xoán Xosé Fernández Abella
recibiu a ovación máis sonora da mañá. Na súa biografía poética salientou as
súas duras orixes. “Teu pai Camilo Díaz Valiño asasinado, a nai morreu da máis
fonda tristura”. A xenerosa dona foi pintora e cartelista. E mil epítetos cheos
de tenrura para o “xenio renacentista”. “Guía para os que amamos a verdade e a
valentía”. Un comunista que elixiu un exilio voluntario. Un ser altruísta.
“Déchelo todo e te quitaron todo”.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjFgum5B3q77_xLjHSWFTLxrAlfnhEvi1z84y7JcTwPR4ilgmePeHt2XTe4snl4Ubh-NINDqzkB4ffDwZpNt6ESG0f7nXamwYrEM02O9oZnaZu-3fNJmSjjKsgpvKvigbMgbr87sB9W6DjL/s200/diaz+castro+claudio+rodriguez+fer.png)
Claudio Rodríguez, director da Cátedra
Valente, afondou nunha faceta máis do finado de “corazón constructivista”. Era
un epistológrafo empedernido ata os últimos días. Para concluír cun fermoso
epitafio: “Se algo é mentira, compañeiros, é que morreu Isaac”.
Helena Villar Janeiro foi breve.
“Alumeou os camiños. Liberaranos da amnesia”. Logo dela chegou a actuación de Mini e Mero. Semella o nome de dous
cómicos mais son uns veteranos músicos que integraran a mítica banda Fuxen os Ventos. Dúas pombas en
liberdade.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEj0QOcc_lmwpxO_Os9DtcCRNihEuAdAe4fL1s4oaD2CQ5a_RTuufQClFGaMqFaEa64UE0LBZ3GDZTYdItMmiAojOxmi0iCTG1pkF_CbuKX9_Q1RdwUfMAt7a3tlV30Lw7brm50kpmzpS9nb/s400/diaz+pardo+boisaca.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario