Café con... María Solar
no Centro Socio Cultural de Santa Marta (8-10-2015)
no Centro Socio Cultural de Santa Marta (8-10-2015)
Hai un momento na vida na que se unen os
puntos, ás veces aparentemente dispersos, da túa biografía. O caso é que no medio da andaina non foramos
capaces de velo. Unha filosofía que exprimiu Steve Jobs naquela mítica
conferencia na Universidade de Stanford. María Solar trazou esa liña
multicolor. Non ficou á espreita no medio da escada. Chanzo a chanzo. “Aos
galegos danos vergoña presentar o noso traballo. Hai que vencer os medos”. Ter
forza para petar en moitas portas. Como J.K.Rowling
quen levou o seu Harry Potter a
catorce editoriais.
Aproveitou cada minuto. “Tiven épocas que me daba medo presentar un
currículo porque era todo unha trapallada”. Muller de perfil renacentista.“Non
estou dacordo co de quen moito abarca poco aprieta”. Profesional barroca. Sempre ocupada e con varios frentes
abertos. De ciencias e letras. Que
confía no poder da formación, non só a regrada. Cando era cativa quería ser
presentadora, escritora, actriz e médico, como o irmán. “Superpeleona por
natureza”.
A súa nai de oitenta e seis anos é moi feminista “pero ela non o sabe”. Tiña claro o futuro que quería para a súa
filla. Independencia económica. É unha muller que sabe moitas lendas. Como
aquela dos mouros que baixaban do Castro á Catedral por camiños subterráneos.
Cando María ía ao curso de dobraxe andaba
sempre ás présas. “Un día metín a Manuel
Manquiña por dirección prohibida”. Logo, un mes traballaba moito, trescentas mil
pesetas, e outro nada. Cando había westerns non chamaban ás rapazas. “En Gladiadores Americanos dobraba a dúas
loitadoras, menos mal que non se enfrentaron na final”.
Fixo a proba de locutora. Xa sabía modular
cos micros, sen necesidade de berrar. Comezou nunha Radio Fórmula.“En Top 40
pagábanme todo en negro e por horas”. Acabou de directora de informativos a
nivel autonómico. Aos vinteseis xa traballaba na Radio Galega. Un programa de
verán con Carlos Blanco e Ana Romaní.
Oito anos no magazine As tardes da
Galega. “O primeiro ano de Genma Nierga tivemos máis audiencia ca ela”.
Unha gran escola pero que lle“quitou días de vida”. Traballaba de luns a venres
e nas findes buscando temas.Máis tarde, “fun a única persoa que entrei no
posto dun xubilado e este volveu”. Era Luis Rial.
No 2002 fixo a primeira aparición na pequena
pantalla. Era con Ana Kiro pero o “formato xa estaba moi trillado”. Pegoulle a
tódolos paus. No 2013 estivo nominada a
Mellor Comunicadora nos Mestre Mateo polo programa ZigZag Diario; “alegreime polo triunfo de Fernanda Tabarés”. Agora
conduce a Revista Fin de Semana.
“Estou nerviosa na redacción, no directo relaxada” confesa. Aínda queda un soño
por cumprir. “Facer un programa de noite con entrevistas, monólogos e banda de
música en directo”.
O seu período máis longo en paro foi no
2005. Sete meses. A desconexión. Ou non.
Xa colaboraba en prensa pero aproveitou para comenzar con contos
infantís. Era unha transición lóxica,
inevitable. “Gústame a comunicación. Contar mundos reais e os que te imaxinas”.
“Non me gusta que me chamen escritora serodia”. Nin tolera ben cando lle
preguntan “¿Cando vas a dalo salto?”. É
unha opción para xente imaxinativa. Ás veces son aptos para tódolos públicos,
“un neno pode ler unha aventura e o adulto interpretar outras claves.” Ainda que agora
dase a casualidade de que ten no forno unha historia sobre infidelidades; polo
tema ten que ser para maiores.
Vou
ter un irmán!!! levou un galardón moi especial,o Frei Martín Sarmiento que
otorgan os propios cativos. Poñer un título non é doado. “O mellor que elexín
foi O fillo do Pintamonas”. A mosca da tele mestura humor con
bioloxía. Sí, “presentadora e bióloga como Ana Obregón”.
A portada de As meigas de Lupa non é unha montaxe. É unha foto tirada no Pico Sacro; o fillo de Xabier Docampo fixo
os bocetos necesarios ata conseguir que a chave con lazo que lanzaba ó ar o
Premio Nacional de Literatura quedara á altura axeitada. “Fixéronme unha banda
sonora gratis” e grandiosa coa participación de Achádego Teatro.
“Escribo en galego por convicción e porque o
fago mellor que en castelán. Pero quero que me lean en todo o mundo”. “Dos libros con pasta dura vendes moitos
menos”. Moitas das traducións as fai ela e as que non pode as revisa a fondo.
“O máis difícil de facer un libro e meter ó lector na situación.” A súa filla
Aldara, de dezaseis anos, xa tomou o camiño das letras. E non quere que pensen
que ten a negra na casa.
A fin do ano pasado gañou o Lazarillo. Cando
cruzou o charco para acudir a Feria Internacional de Guadalajara levou un
susto na aterrizaxe. Aterrorizada presumiu do seu premio co compañeiro de
cadeira. Seica era un editor catalán que estaba a súa procura. Polo mesmo motivo foi convidada a un almorzo
no Palacio Real. “Chamaron de protocolo da Casa Real e pensei que era unha
broma”. Na recepción de autores estaban Ansón, Boris ou Espido Freire.
No hay comentarios:
Publicar un comentario