jueves, 26 de noviembre de 2015

Persoeiros de Compostela

O xenuíno Farruco arrancou gargalladas nostálxicas no Ateneo de Santiago



   “Xosé Luis, sempre me fixo sorrir e pensar” opina Xerardo Estévez. “Podería levar ó cine a Montero Ríos, ata se parecen”.  Subiu á tribuna para latricar sen cancelas. Nacido un catorce de abril pero inscrito ó día seguinte por ser unha data maldita. O seu pai o peiteaba cunha raia máis torta que a estrada da Coruña. Pero hoxe tocaba lembrar a outros. “De min xa falarán”.

   Modesto o Churreiro durmía máis noites na Falcona que na súa casa.Cu de Galiña era un chepudo que vendía La Noche. Era rabudo e levábase mal con Marcelino o Limpabotas. O Cholas era un “vendedor de paraugas na Costa do Sol”. O republicano Luis Palabra-andante chamáballe ostras cóncavas ás cuncas.  Bretón berraba cancións contestatarias nos setenta; metérono no manicomio de Conxo por roubarlle o coche a Alfonso Molina, o alcalde da Coruña.

 
   Maximino Castiñeiras vestía con sombreiro de ala ancha e capa española. O poeta da Mahía viña cada xoves no Celta para ver ós seus incondicionais. Tiña sublime vaidade. Benito Varela Jácome, bo e retranqueiro, descubriu que copiaba os versos de Neruda.Logo de estudiar para practicante foi nun paquebote á Arxentina;ó regreso traballou para o doutor Camba.
 
 

 
   O Maestro Barral daba clase de talla en pedra na Escola de Oficios.  Sempre presumía do seu fillo Fernandito. Andaba de tazas e de pardilleo pero non pagaba ronda ningunha.
   Farruco coñeceu a Iván Merlo unha noite de néboa. Unha vez invitouno a beber algo no Mosquito e polos seus problemas de próstata acabou pedindo dous bocadillos de queixo con anchoas.  Tiña cellas poboadas e aire diabólico. Indignábao que lle chamasen o Vinchas. Ía con bastón e levaba xornais por dentro da roupa para tornar o frío. Tocaba un estrafalario instrumento que chamaba escobichémbalo ás proboscídeas do Pombal.  

   Caballero Andrés era fraco como un garabullo. No bus de Calo pedía aos homes que deixasen asento ás mulleres.Tiña un bordel e casou cunha madame especialista no trato ós militares.

  As Marías tíñanlle odio ás mulleres.Maruxa era máis altanera. O do Ultramarinos Carro sempre lle regalaba galletas e viño Sansón. Tamén lle ofrecían plátanos porque non tiñan dentes.


   Juan Carlos Lema vivía con desbordante fantasía.  Ás veces dicía que fora abandonado nun portal, outras que o entregaran ós Salesianos de Cambados. Enraizou na cidade “como os liques nas vellas pedras”. Zapatones díxolle o homónimo monarca que tiña fame e soltoulle cincuenta euros. “Pouco é para a súa alcurnia maxestade”.Morreu moi en silencio en Pontevedra.

   Farruco lémbrase tamén do seu irmán Diego. Era un erudito da pluma e da palabra.Tiña unha relación de amor e discordia co clero.  Confesoulle a Don Modesto a súa homosexualidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario