viernes, 24 de septiembre de 2021

Caldas non ten présa

Participación de Domingo Villar na Selic 2021 (13-IX-2021)
Hoxe é para todos. Pero houbo un tempo no que a novela policial era algo case marxinado. Contan que José María Castroviejo as lía con gusto pero cando viña xente a casa as tapaba con outros libros por riba. “Non me torturo por escribir lento. Teño a fortuna de que hai xente agardando polos meus libros. Teño a vida que soñaba. Son fraxil, feble e autoexixente e non son o tipo máis decidido do mundo. Interpreto cada capítulo como introdución, nudo e desenlace e deixo un buraco para que o lector queira seguir lendo”. En O último barco fala de xente que está soa. Hai un mendigo, un con espectro autista… O pai de Leo deixou de ser un refuxio e agora é motivo de preocupación. Mandoulle a novela a Sergio Vera,crítico invidente que le grazas a unha máquina. O conquense ten un clube de lectura chamado Las casas ahorcadas. Unha das súas alumnas, Soledad,ventilouse esa magna obra, dunhas 800 páxinas,nunha soa noite.
“Máis que a trama gústame ver a Caldas e o seu pai mirando as estrelas sen distinguir ningunha”. Non atopamos persecucións, tiros, sangue... O ritmo é máis pausado. Sempre hai un xogo ou unha adiviña que da robustez á árbore. “Hai que facer sufrir ao lector elegantemente”. Por fóra son novelas policiais pero en realidade son libros de amor pola terra. Hai que escribir da terra cando estás lonxe dela como dicía Hemingway. Respecto a maridaxe co audiovisual Villar ten unha teoría. “Unha novela é o que lle pasa á xente por dentro e o cinema o que lle pasa por fóra”. Sen ser un gran consumidor da séptima arte encantoulle Shutter Island ou series como The Wire ou True detective. A praia dos afogados, de catrocentas páxinas, tivo que ser mutilada con elipses para converterse en película.Adaptábase máis a unha serie. Pero temos primicia. Haberá capítulos do inspector. "Interésame máis que se reflicta a atmosfera que os casos en concreto". Tamén avanza que xa ten un traballo a medias para Caldas. “Teño que estar satisfeito, non teño présa. Penso que será máis curto que O último barco que o desfixen e volvín a facer cando morreu o meu pai”. Fala doutros autores do xénero. Se Dickens ou Dumas viviran agora farían novela negra, etiqueta á que retornou agora Cercas. Hammett escrebe misterios por resolver. O gato e o rato. En Mankell, Camilleri ou Lorenzo Silva sempre hai un xogo intelectual, non renuncian a facer literatura fonda e emocional. Dos galegos comenta que Ameixeiras aposta por "aventuras ourensás, caóticas e áxiles; A vida secreta de Úrsula Bas, de Portabales, aborda temas familiares e lémballe a Pierre Lemaitre. Este verán leu O asasinato de Roger Ackroyd para analizar como se desvelaba todo; quedou sorprendido co menosprezo á xente do servizo doméstico, como se non puidesen nin matar. Non se afonda tampouco nas circunstancias sociais da vila.
Tiña os relatos para a intimidade.Había sábados á mañá que se reunía con amigos. Domingo contaba contos, Carlos Beonza debuxaba e outro tocaba o piano. Víctor Freixanes insistiulle moito en publicar esos contos cando estaba na Editorial Galaxia. Ó final convencérono pero puxo unha condición, que Baonza fixera os litogravados. Estes contos falan de viaxes, de amor, de galegos na diáspora... Por exemplo aquela bailarina checa que acabou en Fisterra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario